Monday 29 de April de 2024

Economía e industria inviste no Concello de Melide máis de 144.000 euros


Este investimento e destinado a mellora do polígono industrial da Madanela e na renovación do alumeado público da rúa Martagona

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou o concello de Melide, para supervisar o avance de diversos proxectos subvencionados pola Consellería de Economía e Industria no municipio, que en total supoñen un investimento de máis de 144.000 euros.
En primeiro lugar, Do Campo, acompañada pola alcaldesa, Ángeles Vázquez, desprazouse ao polígono empresarial da Madanela, onde esta mesma semana arrancaron os traballos para instalar un novo sistema contraincendios. Esta actuación cofinanciarase entre o concello e o departamento autonómico, que destinará unha achega de 95.824 euros, que supón o 80% do investimento total.
A delegada territorial explicou que as obras servirán para colocar unha rede de hidrantes para facilitar a prevención e extinción de incendios no parque industrial. Así, canalizarase unha tubaxe de abastecemento e en cada unha das parcelas haberá unha boca para hidrantes. A instalación completarase cun depósito de almacenamento de auga de 141 metros cúbicos de capacidade.
Iluminación pública exterior
Tras a visita á Madanela, Do Campo e a rexedora de Melide comprobaron o resultado do proxecto de renovación da iluminación pública exterior levado a cabo na rúa Martagona, ao abeiro da convocatoria de Economía e Industria para este fin, a través da que conseguiu unha achega de 48.442 euros para a substitución de luminarias por outras máis eficientes e menos contaminantes.
Estas medidas supuxeron o cambio de 84 puntos de luz formados por 35 lámpadas de mercurio cor corrixido e 49 de sodio de alta presión por equipos led, que permitirán diminuír a factura eléctrica en preto de 9.000 euros ao ano e as emisións de dióxido de carbono en 37,4 tonelada ao ano. “A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético do concello nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou a delegada.